IMGP0470

Moitas veces, andando polo mundo, me preguntan qué é iso da retranca. Nesta semana onde celebramos o día da patria galega, vouvos dar a miña opinión sobre o asunto.  A verdade é que non é moi sinxelo de traducir, xa que a retranca ten moitos matices, como a seda. Non se pode limitar a explicación á ironía, ao cinismo ou á hijoputez.

A retranca é todo iso, cunhas pingas de subtilidade e outras de saña, ben misturadas nun discurso intelixente que se presenta en varios graos.

A retranca de base é retrucar con outra pregunta. Consiste en analisar a petición da outra persoa á velocidade da luz, atopar o fallo do seu argumento e devolverlle a pelota. Todo nunha frase que remata nun signo de interrogación. Cando os dous falantes son galegos, a conversa pode semellar unha discusión de ollomoles, mais para o ouvinte avisado resultará nun interesante partido de tenis.

Este costume de respostar con outra pregunta tamén existe noutros países de influencia céltiga, como Normandía, Gales ou Irlanda. Lémbrome do primeiro evento oficial no meu traballo. O lider do Concello de Cardiff (Gales) achegouse a mín para preguntarme

¿Es española?. Eu, sen deixar de fitarlle aos ollos, respondinlle… E vostede, ¿é inglés? . O seu xefe de gabinete tivo que sentar para aturar o riso. O resto de persoas nos ollaban coma extraterrestres, mais nós sabiamos perfectamente de que iba a historia.

A retranca de grao meio é o dobre senso. É unha ironía afinada, rápida, subtil e apta para a comprensión dos non galegos. No canto de replicar con outra pregunta, a contestación vai pola tanxente, dicindo algo que tamén é verídico, pero que non se corresponde totalmente coa pregunta, que se evade e que causa no outro o riso ou que desvía completamente o tema. Outro exemplo, a miña entrevista para este traballo. Falando da miña experiencia en América Central preguntáronme se fora ver os tabeiróns en Nicaragua e se tivera medo. Eu respondín que eses taiberóns non os vira e que os únicos tabeiróns que me espaventaban tiñan dúas patas.

Máis unha vez domeñados os dous primeiros graos, xorde a verdadeira retranca. O arte de revirar as frases de xeito que cada unha teña catro ou cinco sensos, e que todos eles sexan oportunos. E logo encadear estas frases unha trala outra, enmarañando os significados e levando ao ouvinte despistado por veredas ignotas. Eiquí si que non son quen de dar un exemplo, porque é algo que sae natural. Tanto que o fago en castelán tamén. Hai uns meses estaba eu a intercambiar mails cunha amiga, tamén galega, e metemos aos seus amigos, de fóra de Galiza, na conversa. Ao cabo dun par de días a miña amiga explicoume que as respostas tardaban tanto porque ela tiña que traducir as nosas frases… Estabamos a escribir en castelán, pero estabamos falando en retranca e a xente se perdía.

Para rematar, non me resisto a darvos un exemplo da retranca da miña nai. Ao pouco de casar, coñeceu a unha amiga do meu pai, que, ao vela, díxolle: “Tanto escoller, tanto escoller e mira onde foi dar”. A miña nai, sen perder o sorriso, retrucoulle “ Sí, andábanlle moitas detrás, pero eran todas putas”.

Aí queda iso.