Amor e dor nun bus en Bruxelas

A viaxe en bus ate a casa era longa. A noite ía caendo aos poucos, refugada pola polución eterna da capital de Bélxica.

Nunha parada subiu un loiro impresionante. Un loiro-loiro, aínda que sería guapo tamén moreno. Olloume, olleino, agochei a ollada… De socato, un cativo berra.

Ficoulle a man atrancada na porta. A mai loitaba sen éxito contra a fenda, que non quere abrirse. O loiro fita a escea, impasible. Non se move. Eu vou sentindo aos poucos o meu corazón inzarse coa dor do pícaro. Érgome do asento.

Do fondo, en décimas de segundo, sen dicir ren, un home roxo (e rexo) achégase á porta. Sen esforzo aparente libera ao neno. Vaise tal e como chegou, esvaéndose na xente.

Un heroe con coleta e jeans. Un ninguén.

Nota: Neste mes vou recuperar textos dun caderno que merquei en Irlanda – Cushendall 2001. Os textos son, ben seguro, posteriores (2001-2003)

Be Sociable, Share!

De Parola. Tócache