soiree-cloture-071

Cando tiña dez anos, era obligatorio presentarse aos concursos literarios da miña escola. Eu, rufa coma sempre, só quería escribir un conto, máis a miña mestra convenceume para escribir un poema. Era sobre un bebé e como recoñece as cores, as imaxes e o ulido da súa nai. Gañei o concurso, e os profesores seguintes seguiron na teima de alentarme a escribir. Relato, teatro, poema, o que fose, pero que escribira.

Esa experiencia temperá decantoume pola poesía. Cheguei á Universidade cando esta era un fervedeiro, as privatizacións comezaban.

No peche na Facultade de Historia (1996) naceu un clube de poetas mortos, Ollo, onde se axuntaban xente magnífica coma Roberto Tasende, Germam Ermida, Maxi Rei, Emilio Pallarés, etc… Reuníamonos á media noite unha vez por semana, e, de cando en cando, organizabamos recitais poéticos, na Universidade, coa Xanela, no parque da Alameda…  Nesa época puiden publicar algunha cousiña na Xanela, no Correo Galego e ata con Amnistía Internacional.

Ollo desaparece e os que ficabamos creamos Pozo de Ideas, cunha quenda nova de poetas, coma Olalla Cociña, Moisés Álvarez, Javier de Cominges, María Golpe…. Seguimos cos recitais e as publicacións e ata tiven a oportunidade de substituir a Luz Pozo nun acto poético na Quintana (Compostela).

Marchei a Bruselas, logo a Namibia, e fun perdendo os lazos e os azos. Dexei de escribir con frecuencia e o que é aínda peor, deixei de escribir en galego. Hoxe reabro este blog e “As historias de Dous” para volver a ser eu, e lembrarme de que a lingua das bolboretas é a única que me fala de verdade.