Cando me preguntan de onde son, sempre respondo que nacín na Coruña, pero ser…son de Aiazo, una parroquia no concello de Frades, equidistante de Curtis e de Ordes.
–          ¿E ti de quen es?

–          Son de Espiñeira

–          Ai sí muller, aquel home que andaba sempre no camión

Ás veces non me fai falla dicilo. Ao que me pregunta chégalle con fitar meus ollos e ver a súa cor para dicir “Ti debes ser de Espiñeira”.

Pois ese Espiñeira, o que andaba sempre no camión, cando eu era cativa, preparaba unhas merendas exquisitas. Na fala de Aiazo, a merenda é unha tortilla de masa, que pode ser doce (coma a facía meu avó, bañada en sucre) ou salgada, con torriscos. Este alimento xurdiu coa posguerra e coa fame.

Dende hai sete anos, a asociación Os Pasos de Aiazo celebra no lugar de Os Pasos a Festa da Merenda. Os Pasos está á beira do río Tambre (Tamara en celta) e chámase así porque era o sitio no río que se podía vadear. Tamén foi o primeiro nome que escollín para este blogue, un nome que fala da miña casa.

Na Festa da Merenda, cociñeiras avisadas preparan tortillas de masa para os centos de feligreses que veñen degustar un prato que sabe a neneza. Que sabe a cociña de carbón, a fume de castiñeira, a cocho na corte e a millo recén mallado. Non veñen pola París de Noia (que tamén) ou pola foliada que organizan os grupos locais, veñen merendar no fogar.

 Se tedes una tixola desas que non pegan, facer una merenda é ben fácil: fariña, auga, sal e touciño.  A mestura é como a das filloas, máis grosa. Hai que cortar o touciño en anacos pequenos e logo bótase á tixola para douralo.  A graxa engádese á mestura, que, cando esté dourada, hai que revirar. Se se ten tino, un golpe de mango abonda.

Mais non vos vai saber como se a comérades nos Pasos. Podedes coñecer Aiazo no San Pedro, a finais de Xuño, no San Roque, en Agosto, ou darvos unha volta se tedes que viaxar entre Ordes e Curtis e non vos apetece coller a autoestrada. Ou podedes agardar á primavera do ano que vén, e vir comer a merenda.