(a foto é de Natalia Lodeiros, de Aiazo)
Sempre digo que nacer, nacín na Coruña. Pero ser… son de Aiazo, unha aldea equidistante de Ordes e de Curtis, pola estrada de Pontecarreira. De aí vén miña nai, e aí pasei tanto tempo, aprendín tanto, recibín tanto, que non me resta máis ren que recoñecelo e dicilo ben forte. Son de Aiazo. ¿E de quen es? De Espiñeira.
Este blogue de poesía é, entre outras cousas, unha homaxe a todo iso que mamei dende pequena, que prendeu en mín coma un escapulario que hei levar sempre pendurado. O verde das fragas, as corredoiras, o muíño, pero sobre todo as fronteiras dunha parroquia delimitadas por dous ríos, o Tambre e o Maruzo.
Tambre é Tamara en celta. Hai outro río Tamra en Cornuailles, e a miña nai escolleuno para mín porque quería un nome galego. Tambre, Tamara, Maruzo, Mara. De aí o seudónimo: Mara Espiñeira, entre o Maruzo e o Tambre. O nome que eu mesma escollo para revindicar de onde veño, de onde son. De Aiazo.
O Tambre é longo, pero en Aiazo dá unha volta ben especial, humectando toda a aldea con olor a río. Alí aprendín a nadar, aprendín o que era unha poza e o que tira a corrente. O Tambre, como moitos ríos en Galiza, ten unha présa en Pontecarreira, que foi unha das primeiras centrais eléctricas na Galiza. Pero en Aiazo o Tambre se torna seductor, sobre todo na eira dos Pasos. E sí, chámase Os Pasos, porque por aí se podía (e se pode) atravesar. Pero Os Pasos é moito máis que iso.
E se queredes saber de qué falo, preguntádello á Asociación de Veciños Os Pasos, no seu blogue ou no seu Facebook.
Invítovos a ler os meus Pasos. Boa viaxe.
3 Responses to Nun lugar de Aiazo