IMGP1249

Disque en Galiza as mulleres somos meigas. Disque habelas hainas, aínda que non creas nelas. Eu nin creo nin deixo de crer, acepto esta “meiguicidade” coma acepto a retranca, vén co resto do paquete.
Se unha noite soño con algo e esa mesma cousa acontece no día seguinte, xa non me sorprendo. Sei que a miña cultura, cando vés do rural, aínda que sexa a medias, coma mín, é propicia ás elaboracións do inconsciente. Nós chamámoslle meigallos, os científicos chámanlle “intelixencia emocional”.
O gracioso é que os meus amigos tamén o asumen. E fanmo ver en forma de agasallos. Teño un colgante de prata en forma de meiga, con vasoira e todo, que me ofreceron aló polos anos noventa. Teño unha meiga “estudiante” que me deron en 2007. Dese ano teño outra meiga de cerámica, alta coma a miña man. E unha en cartón que vén de México. A resposta sempre é a mesma: “Vino e pensei en ti”.
A xente que me regalou estas figuriñas coñéceme ben. Ten visto coma nun momento ou noutro lle puiden ler o pensamento, predecir o resultado dun exame ou falarlle de cousas que se supón que eu non podería saber.
O peor é cando estou vendo un partido de fútbol. E empezó a dicir o que vai pasar, minuto por minuto. Os meus compañeiros de piso en Santiago desesperábanse, coma quen está a ver unha película e lle contan o final.
Unha meiga, sobre todo en Galiza, non é unha señora fea que remove unha cazola descomunal marmurando feitizos. Iso é unha bruxa. Unha meiga, aparte dun pescado ben saboroso é alguén que tén unha enorme empatía. Tanta, que pode facer que un italiano baile unha muñeira. Iso sí, despois de beber unha boa queimada.