n1067154934_385952_5588020

Hoxe, quince de Xuño, meu irmao festexa un ano máis. Nembargantes, eu podería decir que hai outra data, esquecida e incógnita na que tamén deberiamos celebrar o seu aniversario, e ocorriuseme contalo hoxe, como un agasallo virtual a ese outro eu que é a persoa que naceu da mesma muller que mín.
Penso que daquela tiñamos eu tres ou catro anos e el un ou dous. Viviamos aínda nunha casa vella alugada, onde algúns cuartos non tiñan fiestras e o corredor era longo coma un día sen pan. No salón había libros e espellos.
No cuarto de baño había una bañeira enorme, desas que xa non se fan, e alí nos deixou miña nai, un enfrente do outro, separados por un corpo de distancia e coa billa aberta, para ir contestar o teléfono. Lémbrome que o teléfono estaba pendurado na parede ao fondo do corredor e era negro e de rosca. Non sei canto tempo estivo miña nai a laricar, nin con quén falaba, nin de qué, pero a cousa botou un chisco.
Cando chegou onda nós, meu irmao estaba a flotar na bañeira, aboiando coma un golfiño. Eu sostíñao polo queixo, facéndoo respirar fóra da auga. Miña nai púxose moi nerviosa e creo que nos tirou a ambolos dous da auga de socato, espaventada co que podía ter pasado.
Eu non lembro nada de xeito gráfico. Podo contar a historia porque ma contaron, pero as lembranzas que gardo son de sensacións coma “Mamá tarda moito” ou “Teño que coller meu irmán”. É curioso como se organiza a mente na infancia.
Felicidades meu, e que sexa por moitos anos.