424338_4477367216210_1337325516_n

Pola primeira vez en tres anos, dende que marchei á Francia, puiden ir á casa pola festa.  A miña parroquia, que está no concello de Frades é San Pedro de Aiazo.  A casa está no lugar dos Canizos, no alto de Aiazo e no medio e medio da estrada que une Ordes e Pontecarreira. Podedes ver máis na Galipedia.

O santo patrono é, evidentemente, San Pedro, que se celebra o 29 de Xuño ou a fin de semana que cadre máis perto. Cando era cativa encantábame ouvir as historias de San Pedro, nesas interminables homilías do cura da parroquia, onde as viaxes do apóstolo nunca tiñan fin. A igrexa sempre estaba ateigada de xente, e eu tiña que saír antes, pola calor.

Pero sempre me sumaba á procesión ao redor, mentres os homes marchaban correndo a tomar o vermú dende que a misa remataba.

Gustábame saber como Simón Pedro pasou de pescador de peixe a pescador de homes, e escoitar como as mulleres cantaban “Xunto a ti, buscarei outro mar”. Se cadra é por iso que en Aiazo hai un couto de pesca e podemos andar ás troitas no Maruzo e no Tambre.

Cando eu era cativa, xuntábamonos  a corenta e cincuenta pola festa e o pendello servía de terraza improvisada para acomodar varias xeracións de Carros e de Espiñeiras. Lémbrome do riso do meu tío Luis, que escachaba no medio do café e contaxiaba a todos, nenos e maiores. Lémbrome da miña nai cantando e do bruído das potas. Lémbrome de chorar por ser moi pequena para ir á festa.

Tamén me lembro dunha verbena da que escapamos escorrentados polo medo porque a miña curmá e o meu irmao botaran unha pedra na trompeta da orquesta. Tamén se me vén á mente a xoldra pola noite, cando nun cuarto de 3×5 dormíamos oito ou nove nenos de seis a quince anos, acugulados como sardiñas, tentando ser bós e santos despois dos ave marías da miña avoa.

Os tempos mudaron. A festa segue a ser un momento de ledicia onde nos xuntamos todos, onde de tanto en tanto temos novas e presencia da familia que marchou ás Américas, onde vemos á seguinte xeración correr pola casa, facéndoa súa. Agora son eu a que canto, cando me deixan.

Nembargantes, o café xa non me sabe igual. Agora que me deixan tomalo, xa non está meu avó para xogar ao tute, nin o meu tío Luis para facer trampas. Xa me da igual estrear roupa nova para a festa e xa non baixo ao campo.

A miña casa de pedra contempla a estrada con aire de derrota.