“Non hai vento favorable para o que non sabe onde vai“
Tendo a presentar a emigración coma un laio, coma una morriña escura que apaga o meu optimismo, esa negra sombra que enche por veces a miña vida de “E se”. No canto, en moitos dos foros de emigrantes polos que navego ou naufrago segundo as veces, a maioría presenta a emigración coma una oportunidade.
“E se” sigo a pensar que eu emigrei porque non me ficou outra, quero sumarme a esta corrente positiva. Engadir un elemento que me semella esencial: a decisión. Moitas veces me alporizo cando vexo posts nos foros de xente que nunca saíu da sua casa e di que vai marchar dun día para o outro, sen aprender o idioma, sen saber qué quere facer nin para onde tirar.
Emigrar é una decisión que non se pode tomar ao chou. Emigrar non é unha solución, é un novo camiño para o que hai que prepararse. Marchar non é a panacea de tódolos males. Atravesar o océano (ou una fronteira) non vai solucionar os teus problemas. Mercar un billete de avión non é sinónimo de atopar traballo, parella, gato e casa.
Hai que matinar antes. Xa non existen os tempos aqueles onde os galegos marchabamos á boa estrela deixando nenas que choraban sen trégolas os desdéns dun ingrato. A competencia é moi dura, tanto dentro como fóra da Galiza.
Ista non é una decisión de si ou non, é una estratexia de pensar onde se precisa e definir claramente o noso perfil, que estudos fan falla, se se tén o nível adoitado de idioma, por onde queremos /podemos comezar. Se somos quen de vivir soíños ou preferimos una cidade onde xa haxa una comunidade de galegos establecida.
Que quero facer? Podo ou non podo acadalo eiquí? Qué preciso en cada momento determinado, dende a escolla do país até a percura de traballo, aloxamento, comida? A única pregunta que che recomendo evitar é esta: Vou volver? Non o sabes. Non preguntes. Malo será.
Emigrar é facerse responsable dun mesmo dun xeito que non se produce se ficamos no eido familiar. O país e a sociedade de acollida non van ter conta da túa historia persoal. Tes que demostrar, na súa lingua, que viñeches para ser un deles. Hai moito de renuncia e bastante de sacrificio a ter en conta.
Queres emigrar? Estuda o teu perfil con ollo crítico, analisa o mercado laboral nos países que che interesan, se hai ou non outros galegos, se che convén una cidade máis grande ou máis pequena. Examina todas as perspectivas coma se fixeses un plan de mercado. Que gano? Que perdo? Que pode ir mal? Tes una alternativa, un plan B, un refuxio?
Se cadra te decatas de que é millor restar na casa.
E se non, confía en ti. E o que che vai valer aí fóra.