Estes días andaba eu matinando qué corcio escribir no blogue, que non sempre anda unha coa inspiración subida e escribir por escribir non só escorrenta aos lectores, senón que lle fai sentir a esta que escrebe coma se poñer estas liñas no word (e logo no wordpress) fose unha obriga, cando de feito é un desacougo.
Pois hai un par de semanas, chegando coma a cotío ás mil e unha á estación de tren, a esa hora onde non hai nin buses nin cans de palleiro, alá fun coller un taxi.
A cousa xa escomezou ben, eramos tres na quenda para tres taxis cando a primeira señorita (aquí todo o mundo é señor, ou señora ou señorita) decatouse de que o seu mozo a agardaba no taxi do lado, e alá nos baixamos o segundo e a terceira (eu) para cambiar de taxi.
Cansa e atafegada de maletas, non puiden máis que dicir “Seica o pasamos bomba co taxi á medianoite”. Debe ser que en francés non existe a retranca, porque o taxista que me levaba non o colleu pola banda graciosa. Para congraciarme con el, expliqueille que en Galicia teño familiares no taxi. O señor, que era de Marrocos, díxome que lle encantaba Galicia, que tiña moitas ganas de ir para alí. Eu díxenlle de agardar uns anos, polo menos a xubilarse, porque ir para traballar non lle pagaba a pena nestes tempos. Rindo, díxome que él quería ir pescar… e que pouco lle quedaba xa para o retiro.
Tamén me explicou que tiña que ir, que levaba anos cavilando niso, porque había unha persoa que el quería ver denantes que morrese. A súa irmá estaba casada cun galego que coñeceu en Suiza, e o home era adorable. Tanto que non sobreviviu máis que uns meses á morte da súa muller. E ao meu taxista ficáballe a mágoa de ir ver á sogra da súa irmá, unha señora con minusvalía, tenderlle a man e saúdala, aínda que ela falase unha lingua e el outra.
Ate estivemos un rato buscando no taxi a ver se atopábamos o enderezo da señora. Non houbo sorte, pero como taxis en Rennes non hai moitos e eu non teño máis remedio que collelos todos, sei que axiña saberei máis.
O dous de maio, cedo pola mañá, foi un día deses que encetan ás cinco da mañá e que teñen coma primeira conversa un taxi, que por riba, chegaba tarde. Tralas desculpas, estivemos a falar do tempo, ate que lle preguntei , pedindo permiso por ser indiscreta, polo seu acento. Eu pensei que era italiano, mais era español.
– E logo, ¿por qué estamos a falar francés? – dixen eu nun castellano perfecto
– Porque somos idiotas- respondeume o taxista
Coa resposta xa non me facían falla máis datos. “Este é galego coma mín”. “Son de Vigo” díxome sen ouvir a miña pregunta mental. Desta aprendera a lección, e teño a tarxeta co número.
2 Responses to Se non vou á casa, a casa vén a mín (en taxi)