Quérote dese xeito desesperado
que chega a arrastrar marismas e montañas
que trae o mar ó cabo das brañas
e o sol nos amence un día no faiado.
Quérote dese xeito desesperado
que non teme, nin oculta nin engaña.
Amor maiúsculo, AMOR, amor fazaña
Amor sen esperanza, defenestrado.
Unha estaca no meu corazón vampiro
clavaches onte, con alevosía.
Calei. Non deixei caer nin un suspiro.
Así chegou o minuto que eu máis temía.
Choro e coma sempre, dende lonxe miro
á esperanza morrendo na algarabía.